sábado, 23 de marzo de 2019

BAILE GALEGO: BAILES-XOGO: O bolero

Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso está dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
     - bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
     - baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
     - danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
     - bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Esta semana aprendemos "O bolero"  Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Nun momento dado, as parellas desfanse e todos corren a buscar unha nova, que é cando aproveita o bolero para facerse con unha, co que outra persoa pasa ao medio, xa que hai un número impar de participantes. O proceso repítese ata que remata a canción, impoñéndolle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.
6 A - Bolero from Rosa Fernández on Vimeo.
6 B - Bolero from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

BOLERO 6 C from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

Ningún comentario: