xoves, 19 de xaneiro de 2017

BOLERO

Ano novo, vida nova... Deixamos atrás a nosa viaxe por Europa e voltamos a Galicia, onde pasaremos todo este segundo trimestre. Primeiro aprenderemos un baile-xogo: o Bolero, moi  popular nas festas para divertirse escollendo parella. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes, nos que se participaba cantando e bailando. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.

BOLERO - Galicia from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.