mércores, 21 de decembro de 2016

BO NADAL

E rematamos o 1º trimestre do curso, non ser ter danzado polos 5 continentes.... e o que nos queda. É tempo de relaxarse e desfrutar destes días de descanso, e de coller enerxía para encarar o novo ano con forza e bailando, por suposto! 
Bo Nadal e boas danzas a todos e todas!!!

venres, 16 de decembro de 2016

AMÉRICA - EEUU - Jingle Bells

“Jingle Bells» é unha das cancións tradicionais de inverno máis coñecidas e cantadas en todo o mundo. Foi escrita no s.XIX polo compositor estadounidense James Pierpont. A pesar de estar íntimamente conectada ao Nadal, non é específicamente unha panxoliña, xa que non se menciona na letra, senón que trata sobre as carreiras de cabalos, de ahí que os pasos da danza lembren o galope deste animais.  Os danzantes dispóñense nun círculo de parellas, agarrados das mans, e realizan o paso de polca piqué e o galope lateral. 
Estes vídeos amosan os ensaios previos á actuación do vindeiro mércores, cando celebraremos o festivals de Nadal do cole.

6 B - Jingle Bells from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 A - Jingle Bells from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - Jingle Bells from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

domingo, 4 de decembro de 2016

AMÉRICA - COLOMBIA - Carnavalito

O Carnavalito é unha danza moi antiga, que se bailaba antes da chegada dos colonizadores españois. Anuncia a chegada das carnestolendas e cerra as festas despois do primeiro venres de pascua. A súa importancia no só é festiva; polo xeral, as súas letras eran vellas composicións rimadas, portadoras de ensinanzas tradicionais e de historias de namorados. Os danzantes móvense en torno aos músicos ou en ringleira. Unha muller ou un home cun pano (ou banderín adornado con fitas) na man encárgase de dirixir, e forma figuras como a roda, dobre roda, serpentina, caracol, muíño, rúas, fileira libre, …



6 A - CARNAVALITO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - CARNAVALITO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - Carnavalito from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

martes, 29 de novembro de 2016

ASIA - ISRAEL - Samoth

Cambianos de continente para dirixirnos a Asia e, en concreto, a Israel. Neste país aprenderemos a danza titulada Samoth, danza xudía de orixe israelí. Na vida do pobo xudío, a danza é considerada dende os tempos bíblicos como unha expresión de alegría ou de pena, e actualmente é parte das celebracións deste pobo. Os xudeus celebran a festa dos Tabernáculos ou Tendas ao final do verán: montan os seus campamentos en distintas zonas da cidade para conmemorar os tiempos bíblicos en que eran nómades no deserto. Nestes campamentos organízanse festas e bailan as  súas danzas , como esta , Samoth, de ritmo pausado e melodía doada de interiorizar.

6 A - SAMOTH from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - SAMOTH from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 18 de novembro de 2016

EUROPA - RUMANÍA - Alunelul

O noso percorrido por Europa está a piques de rematar. Antes de desprazarnos a outro continente, faremos unha paradiña en Rumanía, onde aprenderemos "Alunelul". Trátase dunha danza circular de tipo relixioso que se bailaba na rexión de Oltenia (sureste de Rumanía), zona moi verde e montañosa.. Probablemente as súas orixes están nas danzas antigas asociadas con rituais ou celebracións relixiosas. Bailábase o domingo despois da misa. O nome ven significar “Danza de Xoán”, aínda que hai quen di que se traduce por “pequeña abelá”.
A danza consiste en movementos moi rápidos cos pés, cunha serie de pasos á dereita e á esquerda seguidos de dous golpes no chan.

6 A - Alunelul from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - Alunelul from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

xoves, 17 de novembro de 2016

EUROPA - ALEMAÑA - Kuckuspolka

A polca (ou polka) é unha danza popular aparecida en Bohemia (República Checa) ao redor de 1830. Deriva do minueto, cunha introdución que prepara a entrada do tema e unha coda que sirve de final á obra, En compás de 2/4 e tempo rápido, báilase con pasos laterais de tipo "paso", "cerra", paso, "salto" (paso de polca) e evolucións rápidas, motivo polo que se fixo moi popular en Europa e América. 
Esta en concreto recibe o nome de "Polca do cuco" ou "Kuckuspolka" e é orixinaria de Alemaña e Austria, lugares onde son moi populares os reloxos de cuco. O baile intenta imitar o son e os movementos deste tipo de reloxos.

6A - KUCKUSPOLKA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - KUCKUSPOLKA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - KUCKUSPOLKA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

xoves, 10 de novembro de 2016

MAGOSTO 2016

Unha parte importante desta nova asignatura de danza son as actuacións. Todo o aprendido nas clases ponse en práctica nunha actuación ante o público, xunto con outras capacidades que só se poden desenvolver ese día: a concentración previa, a improvisación ante un fallo, o control dos nervios, a superación do medo escénico, ... Pois hoxe tivemos a nosa primeira proba de fogo e os resultados foron fantásticos. Os tres grupos de 6º interpretamos unha danza irlandesa ("Cumberland Reel") na festa do Magosto do cole. Aquí tedes unha lembranza do momento...


MAGOSTO 2016 - Cumberland Reel 6º A B C para 1º-2º-3º from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

MAGOSTO 2016 - 6ºA para Infantil from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

mércores, 2 de novembro de 2016

GRECIA - Pera Stous Pera Kambous

E collemos agora un avión para viaxar a Grecia, e alí aprender a danza "Pera Stous Pera Kambous". O título ven significar "Nas lonxanas chairas" e fala dun mosteiro ao que van as mozas a rezar. A danza ten un ritmo alegre, típicamente grego e báilase cos danzantes collidos polos ombreiros e facendo uns cruzamentos cos pés. 

6 B - Pera Stous Pera Kambous from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - PERA STOUS PARA KAMBOUS from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 A - Pera Stous Pera kambous from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 21 de outubro de 2016

PORTUGAL - O Pezinho

O pezinho é una danza popular de Portugal, que tamén podemos atopar en Brasil e Galicia por mor da emigración. Caracterízase pola música moi viva, alegre e divertida e polo punteado que se fai co “pezinho” ou pé. Trátase dun xogo de cambio de parellas. Báilase nun círculo de parellas, as cales vanse cambiando coa contraparella en determinados pasos, finalizando cuns puntos cara ao centro da roda.



6 A - O Pesiño from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - O Pesiño from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

mércores, 12 de outubro de 2016

EUROPA - REINO UNIDO - Cumberland Reel

O reel é un tipo de danza popular de Escocia e Irlanda,  e é a máis interpretada nas reunións informais de músicos (sessions), seguida a distancia por gigas, hornpipes, polkas e outras. Os reels posúen un ritmo vivo e adoitan ser interpretados a velocidade rápida. Teñen unha estrutura cuaternaria, polo xeral en compás de catro por catro. Este en concreto recibe o nome de Cumberland, rexión do NO de Inglaterra, limítrofe con Escocia. É unha danza lúdico-festiva, moi alegre, cun único paso, o paseo saltado, e 2 partes:
- Frase A: muíño de catro persoas
- Frase B: figuras en parellas, en filas e por debaixo dun arco.

6 A - Cumberland Reel from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - CUMBERLAND REEL from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - Cumberland Reel from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 7 de outubro de 2016

EUROPA - REINO UNIDO - Portsmouth

Viaxamos agora ao Reino Unido e, máis concretamente, ao sur, á cidade costeira de Portsmouth. Esta vila constituíu un gran centro cultural durante os séculos XVI e XVII porque foi a sede da Mariña Real Británica. Alí xuntábanse perosas de moitas nacionalidades e procedencias, polo que era frecuente o intercambio cultural. Esta danza trata de destacar a importancia desta cidade, cuxo lema era "A luz do ceo é a nosa guía". A música é de Mike Oldfield.
A danza consta de 2 partes:
- Parte A: xogo de parellas, con palmadas e patadas no chan.
- Parte B: paseo camiñando ao redor da parella

6A - Portmouth from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - Portmouth from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

domingo, 2 de outubro de 2016

EUROPA - FRANCIA - Le Badoise

La Badoise é unha polca francesa que garda relación con outras danzas bailadas a un e outro lado dos Pireneos, nas que se practica un xogo amoroso de aceptación-rexeitamento-cambio de parella. É unha danza circular de parellas dispostas en 2 rodas (unha interior de homes e outra exterior de mulleres) e que consta de 2 partes:
- Parte A: paseo camiñando da man da parella
- Parte B: xogo amoroso coa parella con palmadas e conversa (sisisi - nonnonnon- adeus).

6 A - La Badoise from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - La Badoise from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - La Badoise from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

EUROPA - FRANCIA - Danza dos Pastores

E seguimos en Francia, pero esta vez interpretaremos a Danza dos Pastores, orixinaria da Provenza. Conta unha lenda que nun pobo ao pé da montaña vivía un xove pastor chamado Dominique, quen todos os días subía ao cumio co seu rabaño de ovellas e alí se xuntaba con outros pastores dos pobos lindeiros. Un día sorprendeulles unha forte treboada, polo que tiveron que gorecerse nunha cova, onde estiveron horas e horas ás escuras. Tempo despois chegou outra tormenta, pero desta volta cada pastor levaba unha candea, polo que pasaron o tempo na cova bailando e cantando unha danza lenta á luz das súas candeas.
Trátase dunha danza circular na que cada danzante suxeita unha candea con 3 dedos da man dereita, agarrando cos maimiños aos compañeiros dos lados. Neste caso, os alumnos/as de 6º agarran un lapis ou boli a xeito de candea. O paso base é o paso de branle lateral, aínda que tamén se efectúa un paso punteado.



domingo, 25 de setembro de 2016

EUROPA - FRANCIA - Branle das ratas

Iniciamos o curso coas Danzas do Mundo, ás que lle dedicaremos todo o primeiro trimestre. Aprenderemos varias danzas do mundo divididas por continentes e países. Empezaremos no noso continente, Europa e, máis concretamente, en Francia
A primeira danza que aprenderemos é o "Branle das ratas", típica de Morvan, lugar rodeado de montañas na Borgoña (centro de Francia). O branle ou bransle era un estilo de danza do século XVI na que o movemento principal é lateral, e que se bailaba en parellas ou nun grupo formando liñas ou rodas. Este en concreto bailábase golpeando fortemente o chan cos pés para espantar os ratos, especialmente nos fogares dos recén casados.


ORIXE DA DANZA

A danza é unha actividade exclusivamente humana, o mesmo que a fala. É algo que nos diferencia do resto dos animais. Pero nunca vos preguntastes como e por que xurdiu? Cal é a orixe da danza? Como evolucionou?  Botade unha ollada a este vídeo e atoparedes a resposta.


venres, 5 de agosto de 2016

QUE É A DANZA?

Agora que xa estás dedicido a DANZARTE, teño una primeira pregunta para ti: ¿Que é a danza?
Como poderás comprobar neste vídeo, hai moitas respostas para esta pregunta. Bótalle unha ollada antes de contestar...

luns, 1 de agosto de 2016

DÁNZATE

A danza é a máis universal de todas as artes. Todos e todas levamos un bailarín dentro, aínda que ás veces non deixamos que se amose. Danzando liberas tensións, moves os teus músculos e ósos, desinhíbiste, disfrutas, manteste en forma e relaciónaste cos demais. Este curso empezamos unha nova asignatura de danza baixo o nome de DANZARTE. Así que xa non tes excusa: DÁNZATE!!!