sábado, 9 de xuño de 2018

RUMBA-BOLERO

Tócalle o turno agora ao bolero ou rumba-bolero, un dos bailes de salón máis románticos que se integra dentro do grupo dos bailes latinos. De orixe cubana, creouse durante o século XIX, a base de mesturar ritmos africanos cos caribeños. Da primitiva danza cubana só queda ese xogo de parella, no que a muller coquetea, o home faille as beiras e ela rexéitao. Así, é recomendable bailalo cun movemento marcado das cadeiras e dos brazos; e se, ademais, engadímoslle algo de alma e sentimento, o éxito está asegurado. Botade un ollo e veredes...
As figuras que aprendemos foron:

  • - Paso Base
  • - Xiros da muller
  • - Cruzado
  • - Hand to hand

6 A - BOLERO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - BOLERO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

sábado, 2 de xuño de 2018

BAILES DE SALÓN - PASODOBRE

Imaxe relacionadaE rematamos o curso cos bailes de salón. Comezamos polo baile máis español por excelencia, o PASODOBRE. Tocado en prazas de toros e verbenas populares, báilase alternando os pés, como se estivésemos desfilando. As figuras realízanse seguindo 8 pasos, imitando os movementos do toureiro (o rapaz sería o toureiro e a muller o capote). Ademais, temos que adoptar un aire altaneiro, ben estirados, sacando peito el e salerosa ela. Atentos ás evolucións, paseos, voltas e reviravoltas dos rapaces e rapazas ao ritmo de España Cañí... Oléééééé!!!





6 A - PASODOBRE from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
6 B - PASODOBRE from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
6 C - PASODOBRE (2) from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

sábado, 19 de maio de 2018

FESTA DOS MAIOS


Imaxe relacionadaE chegou o tan esperado día: a nosa actuación de baile galego. O pasado mércores 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas no colexio coa Festa dos Maios. Trátase dun costume popular de orixes ancestrais que consiste en realizar diversas representacións arredor dunha "árbore" ou escultura chamada maio: bailes, recitado de coplas, ... O maio consiste nunha armazón de forma cónica ou piramidal que se vai cubrindo de follas, fiúncho, fentos, flores, bugallos, froitos e mesmo ovos. Hoxe en día tamén se cosntrúen maios coas figuras máis variadas: cruceiros, hórreos, animais, figuras humanas, ... 

E alá formos nós a bailar a nosa muiñeira arredor do maio, acompañados pola música do mestre gaiteiro Xoan Carlos Rilo, do Cemtro Coreográfico Galego, ao que agradecemos a súa desinteresada colaboración. Despois tamén bailaron os rapaces e rapazas de 4º de Primaria, e os de 5º recitaron unhas coplas. Un día para a lembranza...



sábado, 12 de maio de 2018

BAILES SOLTOS: A MUIÑEIRA

A muiñeira é o baile solto máis representativo de Galicia. A súa orixe é moi discutida, aínda que se cre que o seu nome deriva de “muíño”, polo costume dos homes e mulleres de cantar e bailar cando ían moer o gran. Tamén se bailaba nas reunións que facían os vecinos da vila para pasar as longas tardes de inverno (seráns), momento no que se aproveitaba para fiar liño ou lá, bordar, contar historias, cantar, comer, … e pasalo ben. Outro lugar de baile era o adro da igrexa, antes ou despois da misa. Tamén se bailaba o día da festa do patrón.
A muiñeira é un baile de ritmo binario que se toca coa gaita e varios instrumentos de percusión (pandeireta, bombo, tambor, pandeiro). Non ten unha coreografía determinada, son bailes improvisados. Normalmente un home fai de guía e dirixe o baile. O guía é xeralmente o bailador máis habilidoso e sitúase nun extremo da fila, de xeito que os demais bailadores o poidan ver. El é quen inicia o punto dando un paso un pouco para adiante, e logo todos os bailadores/as teñen que imitalo. Unha vez amosado o punto volve atrás, poñéndose de novo en fila. Ademais, debe facer un sinal (un berro, unha volta, …) para indicar o remate do punto ou os cambios de figura (saída a volta, paseo, …). Báilase en parella, facendo os movementos en espello, e simétricos, primeiro a un lado e despois ao outro. 
Levamos todo o trimestre aprendendo a bailar a muiñeira e, despois de moito esforzo, xa estamos preparados para amosarvos as nosas habilidades. Este é o derradeiro ensaio antes da nosa actuación na celbración dos Maios no colexio o vindeiro mércores 16 de maio.


6 A - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 11 de maio de 2018

BAILE-XOGO: A VASOIRA

Por último, 6ºC amosaranos o último baile-xogo que aprendemos este curso: a vasoira. Para facer este xogo, precisamos un número impar de bailadores/as e unha vasoira. En canto empece a soar a música, collemos todos parella e empezamos a bailar o agarrado e, o que quedou sen compañeiro/a, baila agarrado á vasoira. En canto pase un puco de tempo, solta a vasoira no chan e este é o sinal para que todo o mundo cambie rapidamente de parella. O que quede novamente só, perde e ten que coller a vasoira, e así sucesivamente.


6 C - BAILE DA ESCOBA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.