venres, 4 de maio de 2018

BAILES - XOGO

Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso estivo dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
     - bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
     - baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
     - danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
     - bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Todos os grupos de 6º de Primaria aprendemos varios destes bailes-xogo, pero cada un vai explicar e bailar un deles. Hoxe tócalle o turno a 6º A, que bailaron e xogaron ao "Señor da serra": colócanse os participantes en 2 ringleiras, uns fronte aos outros, collidos das mans, e comezan a bailar imitando o vaivén dunha serra. Cando remata a parte cantada, fan un túnel collendo as mans do de enfronte, e van entrando parella a parella baixo o túmel, continuando ata que pasen todos.


6 A - O SEÑOR DA SERRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

Ningún comentario: