E que mellor forma de despedirnos que cun baile divertido e moi moi apropiado: Jason Derulo e David Guetta: "Goodbye".
xoves, 18 de xuño de 2020
ATA SEMPRE
luns, 15 de xuño de 2020
BAILE EN GRUPO: COUNTRY DANCE
E rematamos o curso cun baile en grupo diferente. Como ben sabedes, o baile en grupo, en liña ou line dance é o que realiza un grupo de persoas de maneira sincronizada, seguindo unha coreografía establecida de antemán e que hai que aprender de memoria. Así, todos repiten os memos movementos, pero de xeito independente, sen interactuar entre eles.
Hai quen sitúa a súa orixe no salvaxe oeste, sempre cunha imaxe de western, asociado á música country, aos cowboys ataviados con pantalón e sombreiro vaqueiro e botas campeiras. Sen embargo, non deixa de ser un baile social, orixinario das Illas Británicas, que foi evolucionando a distintos tipos de ritmos.
Preparados?
- Empezamos o quecemento con Coyote Dax e "No rompas más mi pobre corazón".
- Seguimos con country: "Cotton Eye Joe"
- E seredes quen de seguirlles o ritmo aos cowboys do último vídeo?
luns, 8 de xuño de 2020
BAILES LATINOS: Salsa e merengue
A salsa xurdiu entre os
60 e os 70 no barrio latino de Nova York como resultado das transformacións
de músicos portorriqueños, cubanos e americanos sobre os xéneros da
música cubana, agregándolle cousas do floclore boricua e do jazz.
|
luns, 1 de xuño de 2020
BAILES LATINOS: Chachachá
O chachachá é de orixe cubana, pero é en
México onde adquiriu unha grande popularidade, estendéndose a América Latina e mesmo a
Estados Unidos, quizáis debido a que é un baile alegre, nin moi rápido nin moi
lento, sensual, coqueto e doado de adaptar ás diferentes figuras do mambo e da
rumba. O nome vén do movemento dos bailaíns: os pés marcaban un son
característico ao rozar o chan en tres pasos rápidos, cha cha chá, para
acentuar o ritmo da melodía e así por onomatopeia, naceu o nome. Xa sabedes, sensualidade, movemento de cadeiras, e un chisco de picardía. A bailar!!!
Primeiro o quecemento con Michael Jackson: "Blame it on the Boogie".
Despois dous chachachás: "Havana" e "Señorita" de Camila Cabello.
E volta á calma con "Stand by me".
luns, 25 de maio de 2020
BAILES LATINOS: Bolero

Tedes a continuación un bolero, unha rumba-bolero e unha bachata. Vaia reto!!!
luns, 18 de maio de 2020
ROCK AND ROLL
Aquí tedes dous vídeos: o primeiro é un rock and roll e o segundo un twist moi sinxelo. Lembrade facer o quecemento ao principio e os estiramentos ao rematar. A bailar!
luns, 11 de maio de 2020
FOX-TROT
luns, 4 de maio de 2020
TANGO
martes, 28 de abril de 2020
DÍA INTERNACIONAL DA DANZA
Hoxe, 29 de abril, celébrase o Día Internacional da Danza. Por este motivo, a Cidade da Cultura de Galicia organiza esta actividade que pode ser do voso interese. Trátase dunha ficha-reto para ver a historia da danza a través da pintura e, ademais, anímanvos a participar cun vídeo bailando. Tedes aquí o texto íntegro do correo electrónico que nos enviaron. Animádevos!!!
E para celebrar esta día, aquí tedes un vídeo do que se pode facer a través da danza: Danza de sombras (preme AQUÍ).
Feliz Día da Danza a todos e todas!
Bo día,
Para celebrar o Día da Danza elaboramos unha ficha didáctica para o seu alumnado de primaria.
Coa axuda da Raposa Fedella, presentamos un percorrido no que viaxaremos desde o neolítico, ao antigo Exipto, á Idade Media ata actualidade; nunha travesía na que hai que resolver enigmas, descifrar un xeroglífico... para descubrir a fascinante historia da danza a través da pintura.
Ademais, convidamos á cativada a mandar un vídeo bailando ó seguinte correo electrónico: onlinecidadedacultura@gmail.com (ata o venres 01 de maio para editalo e crear unha peza conxunta)
Prema no seguinte enlace para acceder á ficha:
Agardamos que esta actividade sexa do seu interese.
Para calquera consulta ou comentario non dubide en contar con nós.
Un agarimoso saúdo,
Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao Público
Fundación Cidade da Cultura de Galicia| Museo Centro Gaiás| Monte Gaiás| 15707 Santiago de Compostela
+34 881 997 570|+34 881 997 584 www.cidadedacultura.org|
luns, 27 de abril de 2020
VALSE
|
O valse vienés
orixinouse na rexión de Provenza (Francia) en 1559, e é recoñecido como
o máis antigo de todos os bailes de salón.
Foi o primeiro baile de parella agarrada aceptado nos salóns
de baile, pois moitos consideraban inmoral que unha parella bailase
enfrontada e agarrada, aínda que as clases baixas xa o viñan facendo nos seus
bailes populares.
Introducíuse en Inglaterra e fíxose popular ao longo do século XIX pola música de Josef e Johann
Strauss.
|
Postura erguida e elegante,
cos pés xuntos e en paralelo. Pasos longos,
movementos en balanceo, sen mover cadeiras nin ombreiros.
Lembrade facer primeiro o quecemento, despois o valse e, por último, a relaxación (seguide os vídeos na orde na que aparecen). A bailar! |
luns, 20 de abril de 2020
PASODOBRE
E empezamos cos bailes de salón, que son aqueles que se bailan en parella de forma coordinada, axustándose a uns patróns establecidos que, asociados coa música, caracterizan os distintos bailes. Podemos establecer 2 modalidades: latinos e estándar. Entre os latinos temos o bolero, a rumba, o chachachá, a salsa, o merengue, a bachata, .. e entre os estándar figuran o pasodobre, o valse, o fox trot, o tango, ... Comezamos cos bailes estándar e, entre eles, polo baile máis español por excelencia, o PASODOBRE. Tocado en prazas de touros e verbenas populares, báilase alternando os pés, como se estivésemos desfilando. As figuras realízanse seguindo 8 pasos, imitando os movementos do toureiro. Oléééééé!!!Nestes tempos de confinamento resulta imposible bailar en parellas, así que imos adaptar os pasos para realizar un baile en grupo, que ben podemos practicar dende casa. ¿Preparados? Lembrade facer exercicios de quecemento antes de empezar, e estiramentos ao rematar, seguindo estes vídeos na orde na que aparecen a continuación. martes, 14 de abril de 2020
BAILES MODERNOS E DE SALÓN
Pois xa estamos na terceira avaliación. Como xa sabedes, cada trimestre está dedicado a un tipo de baile diferente:
- 1º trimestre: Danzas do mundo
- 2º trimestre: Baile galego tradicional
- 3º trimestre: Bailes modernos e de salón
Así que nos toca aprender algúns pasos de bailes de salón. Como polo de agora non podemos achegarnos a ninguén para bailar en parella, faremos bailes en grupo, aprendendo os pasos en solitario seguindo un vídeo titorial. Cada semana practicaremos un baile diferente. Aproveitade estas sesións para movervos un pouco, xa que é moi importante manter unha vida activa agora que non podemos saír da casa.
Empezaremos cos exercicios de quecemento do principio da clase, para o que utilizaremos o primeiro vídeo, de 8 minutos de duración, con pasos de baile moderno e música dos 80: 80s warm up.
Para estirar os nosos músculos e voltar á calma despois de bailar, seguiremos as indicacións rítmicas do segundo vídeo, de 4 minutos e con música ben coñecida por todos vós: Cool down - Stretch.
De momento, ídevos afacendo a estes dous vídeos, xa que os usaremos en cada sesión antes e despois do baile que nos toque practicar cada semana. ¡A bailar!
luns, 30 de marzo de 2020
MUIÑEIRA 3
Xa tedes aprendidos os pasos básicos da muiñeira? Pois agora, combinando todos os pasos anteriores, imos aprender un punto cada semana con Luis Prego. Non ten máis ciencia que practicar e practicar. Veña bailadores ... lembrade darlle xeito e donaire!!!
luns, 23 de marzo de 2020
MUIÑEIRA 2
Nesta segunda semana de confinamento, non nos podemos esquecer da importancia que tén o mantérmonos activos, especialmente estes días que non podemos saír da casa. E que mellor maneira de facelo que bailando a muiñeira? Neste vídeo tedes algúns puntos básicos moi sinxelos de aprender. Cantos de vós sodes quen de facelos? Ei carballeira!!!
luns, 16 de marzo de 2020
BAILE GALEGO: MUIÑEIRA
A muiñeira consta de 3 partes diferenciadas:
- Paseos: pequenos descansos entre puntos e voltas. Non sempre os hai.
- Voltas: poden ser en roda ou en tablón. Correspóndese co “retrouso” ou refrán da música.
- Puntos: combinacións de pasos diferentes, con desprazamentos, xiros, cambios de pé, etc. Correspóndese coa “copla” da música.
Xeralmente altérnanse voltas e puntos. Durante as voltas os danzantes pódense ir desprazando para formar diferentes figuras (rodas, muíños, cruces, …). Polo medio pódense ir metendo ou non paseos ou descansos. Báilase na media punta e cos brazos levantados, aínda que hai momentos que se baixan (nos paseos).
Como estes días temos que quedar na casa, se vos apetece ir practicando un pouco, aquí vos deixo este vídes titorial para ir collendo algúns pasos básicos.
venres, 13 de marzo de 2020
BAILE GALEGO TRADICIONAL: BAILES-XOGO
Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso está dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
- bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
- baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
- danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
- bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A xente xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, e non resultaban moi complexos: podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Esta semana aprendemos "O bolero". Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Nun momento dado, as parellas desfanse e todos corren a buscar unha nova, que é cando aproveita o bolero para facerse con unha, co que outra persoa pasa ao medio, xa que hai un número impar de participantes. O proceso repítese ata que remata a canción, impoñéndolle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.
O BOLERO MIX from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.
O BOLERO MIX 2 from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.
sábado, 29 de febreiro de 2020
OCEANÍA: NOVA ZELANDA - Tutira Mai Nga Iwi
Cambiamos de continente e dirixímonos a Oceanía, as nosas antípodas, para visitar Nova Zelanda, patria dos maorís. Con eles aprenderemos algúns dos trazos máis significativos da súa cultura: as tatuaxes faciais, o rito do bico, as comidas, os animais exóticos e, como non, as súas danzas, como esta: "Tutira mai nga iwi", danza e canto tribal que proclama a unión e a fraternidade. É un canto moi coñecido nestas illas, cantado en todas as escolas e que mesmo os All Blacks interpretan. 6 A - Tutira Mga Iwi from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
mércores, 19 de febreiro de 2020
ÁFRICA - CONGO: Olelé moliba makasi
"Olelé moliba makasi" é unha canción de berce tradicional en lingua lingala da República Democrática do Congo. Tamén se utiliza para acompasar o movemento dos remos nas piraguas, xa que a letra di que a corrente é moi forte e anima a que remen con máis forza. Aquí represéntase como unha danza para invocar á choiva.
6 A - Olelé from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
6 B - Olelé from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.6 C - Olelé Moliba mkasi from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.
sábado, 15 de febreiro de 2020
ÁFRICA - TANZANIA - Si Si Kumbalé
E continuamos a nosa andaina polo mundo visitando África, continente inmenso cheo de contrastes, onde atopamos esta preciosa canción popular: "Si Si kumbalé". Trátase dunha danza ritual para a colleita: primeiro os homes preparan a terra e despois as mulleres botan a semente e, entre todos, piden prosperidade e dan grazas á nai natureza. É importante lembrar que moitas tribos africanas dependían das colleitas para a súa supervivencia, polo que a maioría dos seus cantos e bailes eran ofrendas e rogos aos deuses para que favoreceran unha próspera recoleción.
6 A - Si si kumbalé from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
6 A - Si si kumbalé from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
martes, 11 de febreiro de 2020
ASIA: CHINA - Danza dos abanos e antucas
A Danza Chinesa dos Abanos e Antucas forma parte desta cultura dende hai máis de 2.000 anos e é considerada unha parte importante da súa tradición. Está interpretada só por mulleres, que realizan delicados e suaves movementos con pequenos abanos ou antucas de vistosas cores. O abano é coñecido como "shanhan", pódese pregar e faise de seda e/ou plumas, aínda que existen outros fixos feitos en tea.6 A - Danza das antucas from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
6 B - Danza das antucas from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







