Amosando publicacións coa etiqueta BAILE GALEGO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BAILE GALEGO. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de marzo de 2020

MUIÑEIRA 3

Xa tedes aprendidos os pasos básicos da muiñeira? Pois agora, combinando todos os pasos anteriores, imos aprender un punto cada semana con Luis Prego. Non ten máis ciencia que practicar e practicar. Veña bailadores ... lembrade darlle xeito e donaire!!!



luns, 23 de marzo de 2020

MUIÑEIRA 2

Nesta segunda semana de confinamento, non nos podemos esquecer da importancia que tén o mantérmonos activos, especialmente estes días que non podemos saír da casa. E que mellor maneira de facelo que bailando a muiñeira? Neste vídeo tedes algúns puntos básicos moi sinxelos de aprender. Cantos de vós sodes quen de facelos? Ei carballeira!!!


luns, 16 de marzo de 2020

BAILE GALEGO: MUIÑEIRA

Resultado de imaxes para: muiñeiraComo ven sabedes, a semana pasada iniciamos a aprendizaxe da muiñeira. A muiñeira é o baile solto máis representativo de Galicia. A súa orixe é moi discutida, aínda que se cre que o seu nome deriva de “muíño”, polo costume dos homes e mulleres de cantar e bailar cando ían moer o gran. Tamén se bailaba nas reunións que facían os vecinos da vila para pasar as longas tardes de inverno (seráns), momento no que se aproveitaba para fiar liño ou lá, bordar, contar historias, cantar, comer, … e pasalo ben. Outro lugar de baile era o adro da igrexa, antes ou despois da misa. Tamén se bailaba o día da festa do patrón.
A muiñeira consta de 3 partes diferenciadas:
Paseos: pequenos descansos entre puntos e voltas. Non sempre os hai.
Voltas: poden ser en roda ou en tablón. Correspóndese co “retrouso” ou refrán da música. 
Puntos: combinacións de pasos diferentes, con desprazamentos, xiros, cambios de pé, etc. Correspóndese coa “copla” da música.
Xeralmente altérnanse voltas e puntos. Durante as voltas os danzantes pódense ir desprazando para formar diferentes figuras (rodas, muíños, cruces, …). Polo medio pódense ir metendo ou non paseos ou descansos. Báilase na media punta e cos brazos levantados, aínda que hai momentos que se baixan (nos paseos).
Como estes días temos que quedar na casa, se vos apetece ir practicando un pouco, aquí vos deixo este vídes titorial para ir collendo algúns pasos básicos. 

venres, 13 de marzo de 2020

BAILE GALEGO TRADICIONAL: BAILES-XOGO

Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso está dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
     - bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
     - baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
     - danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
     - bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A xente xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, e non resultaban moi complexos: podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Esta semana aprendemos "O bolero"  Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Nun momento dado, as parellas desfanse e todos corren a buscar unha nova, que é cando aproveita o bolero para facerse con unha, co que outra persoa pasa ao medio, xa que hai un número impar de participantes. O proceso repítese ata que remata a canción, impoñéndolle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.


O BOLERO MIX from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.

O BOLERO MIX 2 from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.

venres, 17 de maio de 2019

FESTA DOS MAIOS


Imaxe relacionadaE chegou o tan esperado día: a nosa actuación de baile galego. O pasado xoves 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas no colexio coa Festa dos Maios. Trátase dun costume popular de orixes ancestrais no que se realizan diversas representacións arredor dunha "árbore" ou escultura chamada maio: bailes, recitado de coplas, ... O maio consiste nunha armazón de forma cónica ou piramidal que se vai cubrindo de follas, fiúncho, fentos, flores, bugallos, froitos e mesmo ovos. Hoxe en día tamén se constrúen maios coas figuras máis variadas: cruceiros, hórreos, animais, figuras humanas, ... 
Así, os alumnos/as de 6º recitamos unhas coplas e bailamos unha muiñera tradicional e unha muiñeira corrida arredor do maio. Aquí tedes o resultado de varios meses de esforzo...  Un día para a lembranza...

MUIÑEIRA 6º from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

MUIÑEIRA CORRIDA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

mércores, 8 de maio de 2019

CONCERTO GRUPO DE GAITAS

Hoxe tivemos o privilexio de asistir a un concerto de música tradicional galega a cargo do Grupo de Gaitas do Centro Coreográfico Galego. Dun xeito moi ameno e divertido, aprendemos como son, como se fan e como soan os diferentes instrumentos tradicionais galegos: gaita, tamboril, tambor, tarrañolas, ocarina, requinta, pandeireta, pandeiro, acordeón, ... Asemade tamén vimos a diferenza entre os distintos tipos de ritmos: muiñeiras, xotas, alalás, pasodobres, alboradas, ... Disfrutamos tanto que mesmo nos atrevemos a bailar unha muiñeira todos xuntos ao final do concerto, xa que este trimestre estamos a aprendela e xa case somos profesionais.
Moitas grazas aos cinco excelentes músicos que nos transmitiron o seu amor pola música tradicional galega. E os nosos parabéns ao Centro Coreográfico Galego por brindarnos esta oportunidade de achegarnos ás nosas raíces, que esperamos repetir en cursos vindeiros.

luns, 6 de maio de 2019

MUIÑEIRA CORRIDA

Ímosvos amosar agora como se baila unha muiñeira corrida, orixinaria da zona de Bergantiños. Facemos unha roda de parellas e, durante a copla, todo o mundo baila un pasodobre agarrado. Cando cambia o ritmo, pasamos a bailar un galope de polca, dando 3 saltos cara o centro da roda e 3 cara a fóra. De ritmo vivo e alegre, bailábase moito en todas as festas, sendo considerada como un baile-xogo.


6 A - Muiñeira corrida from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.


6 B - Muiñeira corrida from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - Muiñeira corrida from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

martes, 16 de abril de 2019

BAILES-XOGO: O señor da serra

Hoxe tócalle o turno ao baile-xogo  "O señor da serra", ideado coma un trabalinguas para practicar o son "r" fortecolócanse os participantes en 2 ringleiras, uns fronte aos outros, collidos das mans, e comezan a bailar imitando o vaivén dunha serra. Cando remata a parte cantada, fan un túnel colléndose das mans, e van entrando nel parella a parella, continuando ata que pasen todos.


O SEÑOR DA SERRA - 6 A from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

O SEÑOR DA SERRA - 6 B from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

O SEÑOR DA SERRA - 6 C from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

sábado, 23 de marzo de 2019

BAILE GALEGO: BAILES-XOGO: O bolero

Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso está dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
     - bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
     - baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
     - danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
     - bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Esta semana aprendemos "O bolero"  Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Nun momento dado, as parellas desfanse e todos corren a buscar unha nova, que é cando aproveita o bolero para facerse con unha, co que outra persoa pasa ao medio, xa que hai un número impar de participantes. O proceso repítese ata que remata a canción, impoñéndolle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.
6 A - Bolero from Rosa Fernández on Vimeo.
6 B - Bolero from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

BOLERO 6 C from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

sábado, 19 de maio de 2018

FESTA DOS MAIOS


Imaxe relacionadaE chegou o tan esperado día: a nosa actuación de baile galego. O pasado mércores 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas no colexio coa Festa dos Maios. Trátase dun costume popular de orixes ancestrais que consiste en realizar diversas representacións arredor dunha "árbore" ou escultura chamada maio: bailes, recitado de coplas, ... O maio consiste nunha armazón de forma cónica ou piramidal que se vai cubrindo de follas, fiúncho, fentos, flores, bugallos, froitos e mesmo ovos. Hoxe en día tamén se cosntrúen maios coas figuras máis variadas: cruceiros, hórreos, animais, figuras humanas, ... 

E alá formos nós a bailar a nosa muiñeira arredor do maio, acompañados pola música do mestre gaiteiro Xoan Carlos Rilo, do Cemtro Coreográfico Galego, ao que agradecemos a súa desinteresada colaboración. Despois tamén bailaron os rapaces e rapazas de 4º de Primaria, e os de 5º recitaron unhas coplas. Un día para a lembranza...



sábado, 12 de maio de 2018

BAILES SOLTOS: A MUIÑEIRA

A muiñeira é o baile solto máis representativo de Galicia. A súa orixe é moi discutida, aínda que se cre que o seu nome deriva de “muíño”, polo costume dos homes e mulleres de cantar e bailar cando ían moer o gran. Tamén se bailaba nas reunións que facían os vecinos da vila para pasar as longas tardes de inverno (seráns), momento no que se aproveitaba para fiar liño ou lá, bordar, contar historias, cantar, comer, … e pasalo ben. Outro lugar de baile era o adro da igrexa, antes ou despois da misa. Tamén se bailaba o día da festa do patrón.
A muiñeira é un baile de ritmo binario que se toca coa gaita e varios instrumentos de percusión (pandeireta, bombo, tambor, pandeiro). Non ten unha coreografía determinada, son bailes improvisados. Normalmente un home fai de guía e dirixe o baile. O guía é xeralmente o bailador máis habilidoso e sitúase nun extremo da fila, de xeito que os demais bailadores o poidan ver. El é quen inicia o punto dando un paso un pouco para adiante, e logo todos os bailadores/as teñen que imitalo. Unha vez amosado o punto volve atrás, poñéndose de novo en fila. Ademais, debe facer un sinal (un berro, unha volta, …) para indicar o remate do punto ou os cambios de figura (saída a volta, paseo, …). Báilase en parella, facendo os movementos en espello, e simétricos, primeiro a un lado e despois ao outro. 
Levamos todo o trimestre aprendendo a bailar a muiñeira e, despois de moito esforzo, xa estamos preparados para amosarvos as nosas habilidades. Este é o derradeiro ensaio antes da nosa actuación na celbración dos Maios no colexio o vindeiro mércores 16 de maio.


6 A - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 11 de maio de 2018

BAILE-XOGO: A VASOIRA

Por último, 6ºC amosaranos o último baile-xogo que aprendemos este curso: a vasoira. Para facer este xogo, precisamos un número impar de bailadores/as e unha vasoira. En canto empece a soar a música, collemos todos parella e empezamos a bailar o agarrado e, o que quedou sen compañeiro/a, baila agarrado á vasoira. En canto pase un puco de tempo, solta a vasoira no chan e este é o sinal para que todo o mundo cambie rapidamente de parella. O que quede novamente só, perde e ten que coller a vasoira, e así sucesivamente.


6 C - BAILE DA ESCOBA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

xoves, 10 de maio de 2018

BAILE-XOGO: MUIÑEIRA CORRIDA

6ºB vainos amosar agora como se baila unha muiñeira corrida, baile agarrado da zona de Bergantiños. Facemos unha roda de parellas e, durante a copla, todo o mundo baila un pasodobre agarrado. Cando cambia o ritmo, pasamos a bailar un galope de polca, dando 3 galopes cara o centro da roda e 3 cara fóra.


6 B - MUIÑEIRA CORRIDA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

mércores, 9 de maio de 2018

BAILE-XOGO: O LAMBONCIÑO

Agora 6ºA vainos amosar outro baile-xogo moi divertido: "O lambonciño". Trátase de formar unha roda de parellas cunha persoa no medio (o lambonciño). Nun momento determinado, todos teñen que cambiar rapidamente de compañeiro, momento que aproveita o do centro para coller parella. Ten 3 partes ou frases:
    - Frase A: todos collidos das mans, comezamos a camiñar en roda mentres o que o lambonciño está no centro.
     - Frase B: paramos a roda e batemos palmas, mentres o do medio escolle parella e comeza a bailar un pasodobre.
     - Frase C: cambiamos todos rapidamente de parella e, o que quede sen ela, pasa a ser o novo lambonciño



6 A - O LAMBONCIÑO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

domingo, 6 de maio de 2018

INDO EU

6º C gravou en vídeo o baile-xogo "Indo eu": todos os participantes colócanse en parellas formando unha roda, collidos das mans, e comezan a bailar cun paso de marcha. Ten 3 partes:
     - Frase A: camiñan en roda collidos das mans
     - Frase B: dan 3 palmadas coa parella e outras 3 coa contraparella
     - Frase C: camiñan cara o centro da roda collidos das mans dando 4 pasos cara diante e outros 4             cara atrás.
En canto remata a parte cantada, empeza unha parte instrumental que os danzantes aproveitan para bailar o agarrado coas súas respectivas parellas.

6 C - INDO EU from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

sábado, 5 de maio de 2018

BOLERO

Agora tócalle o turno a 6ºB, que aprenderon o baile-xogo de "O bolero"
              Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Ten 2 partes:
-      Parte A: (copla) as parellas avanzan bailando en roda, facendo paso de marcha. Cando a letra di “escolle-la parella con moita elegancia”, cámbianse as parellas, intre que aproveita o “bolero” para facerse con unha. O que queda sen ela, pasa a ser o novo “bolero”, quedando no medio.
-      Parte B: cando remata a copla, as parellas sóltanse, as rapazas dan media volta, e avanzan todos camiñando cara adiante, uns detrás dos outros, batendo as palmas e contando en voz alta ata 8. Ao rematar a conta, cóllense de novo as parellas e comeza a canción, repetíndose todo o proceso.
Cando remata a canción, impónselle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.
6 B - BOLERO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 4 de maio de 2018

BAILES - XOGO

Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso estivo dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
     - bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
     - baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
     - danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
     - bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Todos os grupos de 6º de Primaria aprendemos varios destes bailes-xogo, pero cada un vai explicar e bailar un deles. Hoxe tócalle o turno a 6º A, que bailaron e xogaron ao "Señor da serra": colócanse os participantes en 2 ringleiras, uns fronte aos outros, collidos das mans, e comezan a bailar imitando o vaivén dunha serra. Cando remata a parte cantada, fan un túnel collendo as mans do de enfronte, e van entrando parella a parella baixo o túmel, continuando ata que pasen todos.


6 A - O SEÑOR DA SERRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

domingo, 29 de abril de 2018

CONCERTO GRUPO DE GAITAS

O pasado venres 27 de abril asistimos a un concerto de música tradicional galega a cargo do Grupo de Gaitas do Centro Coreográfico Galego. Dun xeito moi ameno e divertido, aprendimos como son, como se fan e como soan os diferentes instrumentos tradicionais galegos: gaita, tamboril, tambor, tarrañolas, ocarina, requinta, pandeireta, ... Asemade tamén vimos a diferenza entre os distintos tipos de ritmos: muiñeiras, xotas, alalás, foliadas, alboradas, ... Disfrutamos tanto que mesmo nos atrevemos a bailar unha muiñeira todos xuntos ao final do concerto, xa que este trimestre estamos a aprendela. Como isto leva o seu tempo, non realizaremos ningunha gravación en vídeo ata que dominemos este tipo de baile, nada doado por certo... 
Moitas grazas aos cinco excelentes músicos que nos transmitiron o seu amor pola música tradicional galega. Contamos convosco para o curso vindeiro.

luns, 22 de maio de 2017

MAIOS

Como xa sabedes, dedicamos todo o segundo trimestre e parte do terceiro a aprender o baile tradicional galego, en concreto a muiñeira, xunto con algún baile-xogo, alguns bailes agarrados e unha danza. Esta última é a Danza dos Maios a cal, a ritmo de muiñeira, servíunos para conmemorar a chegada do bo tempo e realizar unha ofrenda ante o "maio" para que nos dea boas colleitas. Aquí tedes o resultado...


xoves, 19 de xaneiro de 2017

BOLERO

Ano novo, vida nova... Deixamos atrás a nosa viaxe por Europa e voltamos a Galicia, onde pasaremos todo este segundo trimestre. Primeiro aprenderemos un baile-xogo: o Bolero, moi  popular nas festas para divertirse escollendo parella. A gran cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Non se trataba de xogos restrinxidos aos máis cativos que asistían, que eran os menos, senón que eran xogos abertos a tódolos presentes, nos que se participaba cantando e bailando. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, cos que se buscaba esa complicidade coa persoa desexada ou simplemente pasar un anaco divertido na compaña dos outros. Os xogos non resultaban moi complexos e podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.

BOLERO - Galicia from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.