Como xa sabedes, o segundo trimestre do curso está dedicado ao baile tradicional galego. Dentro del, podemos distinguir 4 tipos de bailes:
- bailes soltos: muiñeira e xota e variantes
- baile agarrados: pasodobre, valse, mazurca, ...
- danzas: bailes gremiais como a danza das fitas ou de espadas
- bailes-xogo
Hoxe imos explicar en que consisten os bailes-xogo. Trátase de xogos populares acompañados de coplas para bailar, ou de bailes para xogar. A xente xuntábanse nas fiadas, ruadas, segas, mallas… e alí cantaban, bailaban e xogaban. Polo xeral, eran xogos de escoller parella rapidamente, e non resultaban moi complexos: podíanos bailar tanto grandes coma pequenos, sendo moitos destes xogos os mesmos que empregaban os máis cativos polo día. Ás veces o único requerimento do xogo era saber ben a letra e a melodía, así como saber bailar o agarrado.
Esta semana aprendemos "O bolero". Un rapaz queda no medio facendo de “bolero” e o resto forman unha roda de parellas. Nun momento dado, as parellas desfanse e todos corren a buscar unha nova, que é cando aproveita o bolero para facerse con unha, co que outra persoa pasa ao medio, xa que hai un número impar de participantes. O proceso repítese ata que remata a canción, impoñéndolle unha pena simbólica ao que quedou como derradeiro “bolero”, facéndolle cóxegas entre todos.
O BOLERO MIX from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.
O BOLERO MIX 2 from CEIP Emilia Pardo Bazán on Vimeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario