sábado, 19 de maio de 2018

FESTA DOS MAIOS


Imaxe relacionadaE chegou o tan esperado día: a nosa actuación de baile galego. O pasado mércores 16 de maio celebramos o Día das Letras Galegas no colexio coa Festa dos Maios. Trátase dun costume popular de orixes ancestrais que consiste en realizar diversas representacións arredor dunha "árbore" ou escultura chamada maio: bailes, recitado de coplas, ... O maio consiste nunha armazón de forma cónica ou piramidal que se vai cubrindo de follas, fiúncho, fentos, flores, bugallos, froitos e mesmo ovos. Hoxe en día tamén se cosntrúen maios coas figuras máis variadas: cruceiros, hórreos, animais, figuras humanas, ... 

E alá formos nós a bailar a nosa muiñeira arredor do maio, acompañados pola música do mestre gaiteiro Xoan Carlos Rilo, do Cemtro Coreográfico Galego, ao que agradecemos a súa desinteresada colaboración. Despois tamén bailaron os rapaces e rapazas de 4º de Primaria, e os de 5º recitaron unhas coplas. Un día para a lembranza...



sábado, 12 de maio de 2018

BAILES SOLTOS: A MUIÑEIRA

A muiñeira é o baile solto máis representativo de Galicia. A súa orixe é moi discutida, aínda que se cre que o seu nome deriva de “muíño”, polo costume dos homes e mulleres de cantar e bailar cando ían moer o gran. Tamén se bailaba nas reunións que facían os vecinos da vila para pasar as longas tardes de inverno (seráns), momento no que se aproveitaba para fiar liño ou lá, bordar, contar historias, cantar, comer, … e pasalo ben. Outro lugar de baile era o adro da igrexa, antes ou despois da misa. Tamén se bailaba o día da festa do patrón.
A muiñeira é un baile de ritmo binario que se toca coa gaita e varios instrumentos de percusión (pandeireta, bombo, tambor, pandeiro). Non ten unha coreografía determinada, son bailes improvisados. Normalmente un home fai de guía e dirixe o baile. O guía é xeralmente o bailador máis habilidoso e sitúase nun extremo da fila, de xeito que os demais bailadores o poidan ver. El é quen inicia o punto dando un paso un pouco para adiante, e logo todos os bailadores/as teñen que imitalo. Unha vez amosado o punto volve atrás, poñéndose de novo en fila. Ademais, debe facer un sinal (un berro, unha volta, …) para indicar o remate do punto ou os cambios de figura (saída a volta, paseo, …). Báilase en parella, facendo os movementos en espello, e simétricos, primeiro a un lado e despois ao outro. 
Levamos todo o trimestre aprendendo a bailar a muiñeira e, despois de moito esforzo, xa estamos preparados para amosarvos as nosas habilidades. Este é o derradeiro ensaio antes da nosa actuación na celbración dos Maios no colexio o vindeiro mércores 16 de maio.


6 A - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 B - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

6 C - MUIÑEIRA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

venres, 11 de maio de 2018

BAILE-XOGO: A VASOIRA

Por último, 6ºC amosaranos o último baile-xogo que aprendemos este curso: a vasoira. Para facer este xogo, precisamos un número impar de bailadores/as e unha vasoira. En canto empece a soar a música, collemos todos parella e empezamos a bailar o agarrado e, o que quedou sen compañeiro/a, baila agarrado á vasoira. En canto pase un puco de tempo, solta a vasoira no chan e este é o sinal para que todo o mundo cambie rapidamente de parella. O que quede novamente só, perde e ten que coller a vasoira, e así sucesivamente.


6 C - BAILE DA ESCOBA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

xoves, 10 de maio de 2018

BAILE-XOGO: MUIÑEIRA CORRIDA

6ºB vainos amosar agora como se baila unha muiñeira corrida, baile agarrado da zona de Bergantiños. Facemos unha roda de parellas e, durante a copla, todo o mundo baila un pasodobre agarrado. Cando cambia o ritmo, pasamos a bailar un galope de polca, dando 3 galopes cara o centro da roda e 3 cara fóra.


6 B - MUIÑEIRA CORRIDA from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.

mércores, 9 de maio de 2018

BAILE-XOGO: O LAMBONCIÑO

Agora 6ºA vainos amosar outro baile-xogo moi divertido: "O lambonciño". Trátase de formar unha roda de parellas cunha persoa no medio (o lambonciño). Nun momento determinado, todos teñen que cambiar rapidamente de compañeiro, momento que aproveita o do centro para coller parella. Ten 3 partes ou frases:
    - Frase A: todos collidos das mans, comezamos a camiñar en roda mentres o que o lambonciño está no centro.
     - Frase B: paramos a roda e batemos palmas, mentres o do medio escolle parella e comeza a bailar un pasodobre.
     - Frase C: cambiamos todos rapidamente de parella e, o que quede sen ela, pasa a ser o novo lambonciño



6 A - O LAMBONCIÑO from Rosa Fernández Sánchez on Vimeo.